Bases da Mostra de Ciencia e Cinema 2010
1. Definicións xerais
A Mostra Internacional de Ciencia e Cinema é un evento cultural organizado pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias (AACC) que ten como obxectivo a promoción e difusión de filmes e documentais científicos.
A terceira edición da Mostra Internacional de Ciencia e Cinema terá lugar entre os días 25 e 30 de outubro de 2010, na cidade da Coruña, en Galicia.
2. Obxectivos
A Mostra Internacional de Ciencia e Cinema quere ser un punto de encontro para todas as persoas que estean interesadas pola divulgación da ciencia. De maneira singular, a Mostra vai esforzarse en rachar a fronteira arbitraria das “dúas culturas”, a das artes e a das ciencias, establecendo contactos entre creadores e investigadores de ámbitos moi diferenciados coa intención de explorar as relacións entre ambos mundos.
Con carácter xeral todas as actividades da Mostra serán abertas ao público, pois o seu principal obxectivo é acadar a máxima difusión das obras que a conforman.
3. Inscrición na Sección Oficial a concurso
Os traballos presentados terán intención divulgativa, e tratarán sobre calquera tema vencellado coas ciencias (puras ou formais, aplicadas e sociais ou humanas, na división tradicional), de maneira que contribúan á comprensión dos conceptos, procedementos e actitudes que caracterizan a ciencia. Valorarase por riba de todo a calidade e a orixinalidade das obras presentadas, á marxe da súa temática, duración e características técnicas.
A data de produción ou de estrea para participar na segunda edición do certame debe ser posterior a 1 de xaneiro do 2009. Poderán participar a competición todos aqueles produtores e/ou directores que teñan os dereitos sobre as obras que presentan. Non se establece ningunha restrición canto á procedencia ou á lingua empregada para os traballos. As obras presentaranse no seu idioma orixinal, sexa cal for. No caso de obras cuxa lingua orixinal sexa distinta do galego ou o español, deberá presentarse con subtítulos en galego, español, portugués ou inglés.
Para a inscrición é preciso que se envíe unha copia do traballo en formato DVD, acompañado da ficha de inscrición (arquivo OpenOffice ou PDF) debidamente cuberta e asinada, ao seguinte enderezo:
Asociación de Amigos da Casa das Ciencias
(Ref.: Mostra de Ciencia e Cinema)
Casa das Ciencias
Parque de Santa Margarita, s/n
15005 A Coruña
España
Cada director ou productor pode presentar ao concurso tantas películas como desexe, e deberá cubrir para cada unha a correspondente ficha de inscrición. No caso das series, só poderá participar un único capítulo en representación do conxunto. Os gastos de envío das copias corren a cargo dos participantes. A organización non devolverá as copias dos filmes recibidos no proceso de selección, que pasarán a formar parte do arquivo da Mostra.
O prazo de presentación finaliza o 23 de xullo de 2010 (27 de agosto para os documentais galegos).
4. Selección
Unha comisión formada por membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias seleccionará entre todos os orixinais recibidos os filmes que conformarán finalmente a Sección Oficial e competirán polos premios da Mostra. Todos os filmes seleccionados na Sección Oficial recibirán unha pequena compensación económica pola súa participación:
100 € (obras de duración inferior aos 30 minutos)
200 € (obras cunha duración entre os 30 e os 60 minutos)
300 € (obras de duración superior aos 60 minutos)
Os filmes escollidos deberán ser enviados no formato de proxección definitivo á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias antes do 30 de setembro de 2010 con carácter xeral, ou ben na data que acorde a Asociación cos autores dos filmes. A AACC, entidade organizadora da Mostra, faise responsábel da seguridade das obras desde a súa recepción até a súa devolución. A responsabilidade da AACC en caso de destrución ou pérdida dunha copia será limitada e en ningún caso superará o custo dunha nova copia de acordo ás tarifas habituais en España.
Os autores dos filmes seleccionados a competición proporcionarán á organización imaxes fotográficas e clips de vídeo dos mesmos (1-2 minutos) con fins promocionais. A organización do Festival decidirá a orde e a data de exhibición das películas, e resérvase o dereito de proxectala cantas veces fose preciso durante o Festival.
5. Xurados e premios
Un xurado formado por profesionais de diferentes ámbitos elixirá o documental gañador do Gran Premio da Mostra de Ciencia e Cinema. Un xurado formado por estudantes de secundaria e bacharelato determinará Premio da Mocidade.
O xurado resérvase o dereito a salientar no palmarés outros filmes ou aspectos puntuais dos mesmos, concedendo as mencións honoríficas que crea oportuno. O fallo do xurado considérase inapelábel.
6. Autorización
Os participantes no certame autorizan a exhibición pública dos filmes a competición tantas veces como sexa posíbel durante a Mostra. As producións seleccionadas poderán ser subtituladas (ou dobradas naqueles casos que esta solución fose a idónea) para a súa exhibición pública. Todos os participantes autorizarán o uso de fragmentos das producións presentadas (máximo dous minutos) e de todo o material que proporcionen (dossier informativo, cartaces, fotos, etc) para a súa difusión en calquera medio de comunicación nacional ou internacional (prensa, radio, TV e Internet) con carácter promocional.
Todas as obras presentadas ao certame pasarán a formar parte do arquivo da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias (AACC), entidade organizadora da Mostra de Ciencia e Cinema. Os membros da AACC e outras persoas autorizadas poderán consultar dito arquivo en visionados privados con fins educativos e de investigación.
A organización promoverá a difusión dos documentais premiados no concurso, para o cal se reserva a súa proxección libre e gratuita nos Museos Científicos Coruñeses. A Mostra promoverá ademais a exhibición dos documentais premiados e daqueles que considere de especial interese nas sedes de organismos e institucións coas que se asinen protocolos de colaboración, sempre para a súa exhibición non comercial.
7. Aceptación
A participación na Mostra de Ciencia e Cinema supón a aceptación de todos os apartados das presentes bases.












