Antecedentes: Vinte anos de Premios Prisma

Os Premios Prismas Casa das Ciencias principiaron a súa andaina en 1988. Inicialmente era unicamente un Certame de Vídeo Científico, pero a convocatoria evoluiu ao longo dos anos para se converter nun Premio á Divulgación que inclúe actualmente cinco modalidades: multimedia, textos inéditos, artigos xornalísticos, libros editados e Prisma Especial do Xurado. Os premios gozan dun importante recoñecemento a nivel estatal, do que participan sen dúbida os profesionais que formaron parte dos Xurados nestes 20 anos. Universidades, medios de comunicación, centros de divulgación e ensino, así como institucións científicas e de investigación forman o amplo abano do que proceden estes expertos. Personalidades como Pere Alberch, Albert Baez, José Manuel Sánchez Ron, Miguel Ángel Quintanilla ou José María Bermúdez de Castro presidiron o Xurado nas diferentes edicións. Tamén hai que salientar a elevada cualificación e prestixio das persoas e institucións premiadas. As principais revistas de divulgación científica, diarios, editoriais, produtoras, organismos oficiais e outras entidades españolas forman parte da lista de honra da historia dos Prismas.

No que atinxe á categoría multimedia, nestas dúas décadas presentáronse máis de cincocentos traballos, a inmensa maioría deles documentais de divulgación. Nos últimos anos as bases foron modificadas para admitir contidos noutro tipo de soporte, coma o CD-ROM ou as páxinas web, pero seguen sendo moi numerosos os traballos videográficos que participan ano tras ano, o cal dá idea do alto grao de consolidación que teñen estes Premios.

Olark Livehelp