Equipo de traballo
O traballo de dirección e organización correrá a cargo de membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, asociación cultural sen ánimo de lucro aberta a todas as persoas interesadas na divulgación científica e a todas as institucións, empresas e organizacións que persigan os mesmos fins. Tal e como se explicita no artigo nº 2 dos estatutos da asociación, o seu obxectivo é “potenciar todas as formas de divulgación, popularización e educación científica, con actividades destinadas aos membros da asociación e a todo o público en xeral”, e “promover a Cultura Científica na sociedade española, procurando que todas as persoas poidan chegar a coñecer, comprender, empregar e gozar da Ciencia no maior grao posible”. Para o cumprimento destes fins, no artigo 3.8 dos estatutos proponse, entre outras actividades, “a convocatoria de premios, concursos, certames e en xeral a adopción de iniciativas que potencien unha maior calidade da divulgación e da educación científica”.












