Obxectivos e xustificación: Por que unha Mostra de Ciencia e Cinema?
A emblemática traxectoria dos Prismas, que culminou en 2007 ao acadaren os premios a súa vixésima edición, foi o punto de partida que inspirou á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias a emprender o ambicioso proxecto de convertir a cidade da Coruña nun destino preferente para os creadores de documentais científicos. A cidade que acolle o magnífico complexo dos Museos Científicos, institucións pioneiras polo seu enfoque multidisciplinar da divulgación, e cuxa aposta museística se verá reforzada en pouco tempo ao se converter en sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, é o escenario idóneo para a celebración dunha Mostra de Ciencia e Cinema que sirva para facer partícipes a todos os cidadáns da grande riqueza e variedade existente no mundo das producións divulgativas. Unha Mostra de Ciencia e Cinema que se sente lexítima herdeira da rica tradición dos Premios Prisma, pero que os transcende pola vontade explícita de difundir ao máximo nivel posíbel os traballos presentados e de estender a súa influencia máis alá dos límites do estado español.
A Mostra de Ciencia e Cinema quere ser un referente internacional no ámbito do documentalismo científico, e aspira a ser o gran escaparate no que se exhiban ano tras ano os mellores documentais de divulgación.












