Sección Oficial Competitiva

O eixo central da Mostra de Ciencia e Cinema é un certame internacional de documentais científicos con carácter competitivo, sen ningunha clase de limitación respecto das características técnicas, duración, etc, que deban posuír os traballos a concurso. A Mostra fica, pois, aberta á proxección de calquera clase de material e en calquera formato sempre que posúa a calidade suficiente, o cal abre o concurso tanto aos traballos comerciais, como a aqueles producidos por afeccionados.

O prazo de recepción de orixinais remata o 22 de agosto de 2008. Unha comisión formada por membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias seleccionará entre todos os orixinais recibidos os filmes que conformarán finalmente a Sección Oficial e competirán polos premios da Mostra.

Para elixir o mellor filme da sección oficial, a organización designará cada ano un xurado composto de maneira paritaria por profesionais da ciencia e da divulgación cientifica, e outros dos campos do cinema e do documental. O xurado deberá elixir os filmes que recibirán os dous grandes premios da Mostra, e terá liberdade de salientar no palmarés outros títulos, expoñendo en todos os casos as súas razóns nunha acta. Coa idea de estimular a produción de documentais científicos en Galicia, a Mostra creará un premio ao mellor documental galego, con independencia de que tales producións poidan ser incluídas na Sección Oficial e competir igualmente polos premios maiores. En función do número de filmes de produción galega recibidos, a organización considerará a conveniencia de establecer un apartado específico e garantir así a difusión de todos os traballos de calidade.

Os filmes participantes serán proxectados na Domus da Coruña en sesións de mañá e tarde que se repetirán tantas veces como sexa posíbel durante o certame e en datas próximas a el. Haberá sesións destinadas para estudantes de colexios e institutos. Os documentais gañadores volverán ser proxectados na última xornada da Mostra.

Olark Livehelp