Certame audiovisual: leva a cámara á Casa das Ciencias
Bases de LEVA A CÁMARA Á CASA DAS CIENCIAS, concurso de audiovisuais sobre a Casa das Ciencias da Coruña:
1.Os Museos Científicos Coruñeses convocan un concurso para a elaboración de audiovisuais relacionados coa Casa das Ciencias, dentro dos actos de celebración do seu XXV aniversario. O obxectivo do concurso é promover a produción de dous proxectos audiovisuais en homenaxe a esta institución museística, sen ningún tipo de limitación en canto á duración, formato, xénero, estilo, etc.
1.Poderán participar neste concurso todas as persoas maiores de 16 anos. Os menores de idade deberán acompañar a súa solicitude dunha autorización asinada polos seus pais ou titores, que os representarán a efectos legais.
2.Cada participante deberá presentar por escrito unha memoria descritiva do proxecto, que responda ás seguintes características:
-Sinopse reducida do proxecto (máximo 400 caracteres)
-Declaración de intencións (máximo 2.500 caracteres)
-Biofilmografía do solicitante (máximo 500 caracteres)
-Información de contacto: Nome completo, Enderezo Postal, Teléfono e Correo Electrónico.
As memorias deben enviarse a:
Casa das Ciencias
Concurso Leva a Cámara á Casa das Ciencias
Parque de Santa Margarita
15005 A Coruña
3.O prazo de entrega das memorias dos proxectos comeza coa publicación destas bases e remata o 9 de xullo de 2010.
4.Un xurado formado por tres persoas designadas polos Museos Científicos Coruñeses vencelladas tanto ao mundo da ciencia como ao da creación audiovisual seleccionará os dous proxectos gañadores, que recibirán cada un 1.000 € para a súa produción.
5.A reunión do xurado celebrarase o día 16 de xullo de 2010. A súa decisión darase a coñecer a través do sitio web dos Museos Científicos Coruñeses.
6.Os autores e autoras dos proxectos gañadores comprométense a entregar dúas copias en formato DVD coa versión final da súa obra na Casa das Ciencias da Coruña antes do 15 de outubro de 2010. As obras realizadas formarán parte da programación da III Mostra de Ciencia e Cinema, a celebrar na Coruña entre os días 25 e 30 de outubro.
7.Os autores ou autoras cederán gratuitamente aos Museos Científicos Coruñeses o uso das obras gañadoras deste concurso. Os Museos Científicos Coruñeses resérvanse o dereito de reproducir total ou parcialmente as obras gañadoras nas súas instalacións, nos seus sitios en Internet ou en calquera institución coa que colaboren, co ánimo de difundir e divulgar as obras seleccionadas.
8.A participación no concurso implica a aceptación de todas e cada unha das bases do concurso e da decisión do xurado.









