OBRADOIRO: GUIÓN DE DOCUMENTAIS CIENTÍFICOS
No marco das actividades da Mostra de Ciencia e Cinema, o profesor Bienvenido León impartirá un obradoiro de guión de documentais científicos na Coruña. Estruturado en sesións de mañá e tarde ao longo de dúas xornadas (a celebrar os días 20 e 21 de outubro), o obradoiro presentará diversas técnicas e recursos para comunicar cuestións científicas en televisión, e nomeadamente para a concepción e desenvolvemento de documentais sobre ciencia, que resulten interesantes e intelixíbeis para o público en xeral. Os alumnos que se inscriban desenvolverán un proxecto propio de documental sobre un tema do que previamente terán recollido documentación, e realizarán breves exercicios prácticos durante o obradoiro.
Programa do obradoiro (en español)
Xornalista e doutor en Ciencias da Información, Bienvenido León imparte clases de Produción Televisiva e Divulgación Científica Audiovisual na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra. Anteriormente, foi director de informativos da primeira axencia televisiva española, Editmedia TV, da que foi fundador xunto con outros xornalistas; coordinador de reportaxes informativos de Tele 5 e director da produtora Euroview. Tamén foi socio e directivo das produtoras Boulevar Comunicación, Vamos a ver Televisión e Terra Films.
Desde hai dúas décadas traballa como realizador, produtor e guionista de documentais para televisión. As súas obras obtiveron varios premios, como os de mellor documental nos festivais internacionais de Cartagena de Indias e Cuzco. É autor dos libros El documental de divulgación científica (Barcelona, Paidós, 1999), que foi traducido ao inglés (Pantaneto Press, 2007), portugués (Cine-clube Avanca, 2001) e grego (CAID, en prensa); e Dirección de documentales (Eunsa, 2008, en prensa). Tamén publicou numerosos artigos sobre comunicación da ciencia e televisión, en obras colectivas e revistas científicas de varios países.
Desde a súa creación, no 2001 e 2002 respectivamente, é director dos festivais internacionais Telenatura e Urban TV.
Coa colaboración de:














